¡DEVOLUCIONARIOS
DO MUNDO, UNIOS…!
Publicado el 2 de diciembre de 2016 en Nueva Tribuna
*Moncho
Rouco
A memoria de Fidel Castro, en forma de cinzas, percorre a
xeografía cubana, rendendo honras a un personaxe irrepetible que loitou contra
a franquía yankee, con Batista como ditador necesario. Desde aquelas afastadas Maestras con formas de Sierra, chegou para liberar a Cuba do
prostíbulo no que convertera o tío Sam á xoia das Antillas. Desde a metade do
século pasado poderíase considerar ao Comandante Fidel, como o gran Devolucionario, un dos referentes do
século XX. Devolveulle o orgullo a un país humillado, liberou aos cidadáns da
opresión, con cadeas de servidume entre Imperios. A transición dos cubanos
pasou do xugo e as frechas españolistas, ao dólar e a degradación do seu veciño
americano. Martí marcou o camiño da
liberación, Castro abriuse paso entre a maleza.
Chegados os tempos de dar trigo no país da cana de
azucre, o Camarada Fidel fíxose Revolucionario, á vez que abrazaba un comunismo
sobrevido. A Devolución pasou a ser a
cartilla de racionamento e o movemento libertario quedou illado, convertido en:
Patria ou morte. Máis de 60 anos
transcorreron desde os tempos do cuartel Moncada e Cuba segue esperando que lle
devolvan a dignidade, en forma de: Terra
e vida. É innegable o alcance logrado por aqueles milicianos, de barba en
rostro e suxeitos a un habano. Cuba foi un referente mundial en solidariedade,
percorreron un camiño que deixou pegada no pobo iberoamericano.
A realidade mostra imperfeccións que os matices non
deixan ver. Tras décadas dun Réxime que naceu como “camiño”, acabou sendo “destino”,
con parada en ningures. As liberdades diluíronse entre eternos discursos que só
beneficiaban a aduladores en evolución cara á endogamia.
Vénme á memoria aquela peza dramática inesquecible do
mestre Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Os
vellos non deben namorarse, escrito en New York para “matar o tempo dunha
nostalxia” que quedara fondeada no seu Rianxo querido. Don Saturio, Don Ramón e
o Señor Fuco, o vinculeiro. Memorias e andanzas de vellos que galantean coa
morte, mentres se namoran de Pimpinelas. Ben está que os vellos sorrían de
vida, ben está que sorteen á Parca, que reclamen esperanza máis aló da morte,
cando a iso se lle chama inmortalidade, que non é máis ca a máis prolífica e
prolongada das vidas.
Os vellos deben ensinar aos que están por chegar as
experiencias vividas, para repetir, ou
non, a Historia. Non pretendamos que marquen o destino das novas xeracións, ou
serán atropelados pola forza do vento de cola e convertidos en estatuas de sal.
Nunca un tempo pasado foi mellor, non nos creamos posuidores da maxia da vida.
Aqueles que avanzamos por diante dos mozos, debemos acumular sabedoría para
mostrala e xenerosidade para quen nos precede. Nestes tempos de ira, esiximos
que nos restituan a esperanza. Roubáronnos o sorriso, a solidariedade entre
semellantes. Son cicateiros cos pobres e xenerosos coa opulencia. Converten o
planeta nunha esfera insustentable, corrompen á infancia. Os poderosos crénse
inmortais. Vai sendo tempo, xa é hora de que miremos de fronte e a unha soa voz
gritemos: DEVOLUCIONARIOS DO MUNDO, UNÍOS...!
*Moncho Rouco Arquitecto Técnico |
No hay comentarios:
Publicar un comentario