viernes, 17 de mayo de 2019



O MEU PAI FALA COAS OVELLAS 

*Moncho Rouco 

          Nacer é un feito natural sen maior mención ca o balbordo dos proxenitores, parentes, floristerías e a sección de cueiros do Carrefú. Ainda que non sempre foron ledicias, ás veces, de vez en cando os acontecementos alteran as estatísticas e se nos trasladamos a mediados do século pasado, estas se tornaban fogareñas e os partos se tinguían de auga quente e berros desmesurados. 

Cristais con vistas á tenra infancia

          Ramón estaba gostoso na placenta e a súa nai, atarefada, coma sempre, de tal xeito que chegado o momento, o remate da conta atrás, o presumido estaba a outra cousa, de pe, atusándose a cella, e a parturenta dacó para aló. Ao cabo, alerta xeral! as matronas ocasionais predicindo unha desfeita, e advertido o dono do espermatozoide corresponsable de Ramón, decidíuse avisar ao galeno. Xa non era tempo de métodos caseiros. Chegou o Doutor, analizou á nai e coa cara circunspecta, preocupado, ollou ao único varón que había no dormitorio, dicíndolle: 

          -“Atende Luis, a cousa está moi complicada, o neno ven de pe e a nai se nos vai; elixe, a quen salvamos?”. 

         Naquela época, a resposta estaba clara: segundo a Santa Nai Igrexa -ou sexa, España- a prioridade era para o nasciturus e a moriturus pasaba a ser cousa do Señor. 
             Este era o panorama: cara de pánico no pai, suóres masivos e pano en estado de sublimación. Respirou fondamente, pensou nos dous vástagos que xa había na familia e contravindo toda moral cristiá díxo: 

          -“Doutor salve a miña muller, por Deus!”. 

         -“Tranquilo Luis, non te amoles; eu fágome cargo. Vaite daquí, anda, que estás emporcallando todo isto” 

         Desapareceu da escea cariacontecido, a piques do colapso. Quedaban no dormitorio as dúas matronas afeizoadas, o doutor... a nai dubidando se viaxaría sen retorno e pensando na casa revolta. Ramón na súa cápsula arreconchegado tan ancho e coa outra cella atusada. 

          -“¡Señoras, fagan a favor, preciso de auga quente e toallas limpas!” 

          De súpeto, saltaron todas as alarmas, unha man ameazante subíu cara ao útero, colleu ao Dandi polos pes e, sen misericordia, tirou e tirou del. 


          - “Veña, fora, axiña! hai que salvar á nai! poñan o feto enriba desa toalla... meu probe” 
          Dixo o doutor. A intervención rápida e dilixente do médico producíu resultados inmediatos. A parturienta recuperaba aos poucos o ánimo, a cor e as gañas de erguerse. Así era a paciente: impaciente. 
         Sospiros, sorrisos e, de súpeto, uns berros cheos, agudos, provintes da toalla acantoada fan saber aos asistentes que aquel que crían apagado, só se estaba a tomar o seu tempo para berrar... 

           -“¡Está vivo!, Xesús bendito, alabado sexa o Señor, case unha milagre, e que feo é o probe!”.
       Ramón chegara para se quedar. O parte de danos era extenso: brazo dereito con graves anomalías, saúde feble... pero enormes pulmóns.
Á esquerda naceu, á dereita soñou.
            A vida continuou para todos. O pai volveu ao seu doce ensimismamento, os irmáns con cara de mala uva -a competencia sempre é mal recibida- e a nai, coma sempre, non paraba (había xente que chegara a asegurar que podía estar en dous sitios á vez). 
            O infante, con poucos meses, pasaba a maior parte do tempo nun cesto de bimbio recuberto cun pano, polas hortas que a súa nai cultivaba con afán. Tanto tempo pasaba o cativo no seu odiado cestiño que, nunha ocasión, rematada a faena, a nai se achegou ao xergón e viuno cheo de merda de arriba a abaixo, amarela e cheirenta. Tanta merda tiña o neno que mesmo as pestanas as tiña pegadas e ollaba con dificuldade, como chiscando un ollo. Iso si, o rapaz tentaba limparse os dediños coa boca... o neno levaba camiño de ser moi aseado. 
            Así, entre cestos e auga quente pasaron os meses -mesmo coido que dous anos- cando o probe pequeno, lanzando pedras a un regato, soltou unha cara atrás e saiu despedido cara adiante rematando no fondo daquelo que nin río era, soprando, burbullando, nadando polo fondo cal anguía, mentres a nai lavaba, como non, a roupa da tropa. A súa seguinte lembranza foi contemplar a xente ollándoo no berce, cun sorriso e él sen entender cousa ningunha. 
          Outro ano máis e como as desgrazas nunca veñen soas, ao coitado a Ramón aprécióuselle una doenza máis, non rexistrada na partida de nacemento: resultou ser asmático. Dez ou quince pasos eran toda unha carreira de fondo. O médico, íntimo xa do rapazolo e que tomara a saúde de Ramón coma un reto persoal, indícóulle ao pai que os baños de mar eran moi bós para a asma, ou á revés, eran moi bós para non a ter. No inverno, primavera, outono ou verán, o mesmo daba, o importante era a inmersión, cal baptizo, en augas xélidas, como xamáis as voltaría sentir o meniño! 

Praia da Tiñosa, Illote da Ínsua.
        Esa mesma semana, no crú inverno, comezou unha peregrinaxe á praia máis perta, por sospeitoso nome A Tiñosa, cun illote pequeno á fronte chamado A Ínsua. Ían camiñando en paralelo a un río, o Anllons, que en ondeantes meandros desembocaba ao mar na praia, que, coma un espellismo, dispuña dunha duna inmensa, a todas luces máis propia doutros lares máis ao Sul, pero que aí a estaba, xogando co vento e cambiando de lugar cada certo tempo. A herba era máis alta que o rapaz. Isso, e máila asma -hábil recurso no futuro- facían que a viaxe fose máis cómoda nas costas do seu pai. 
        Velaí foi cando Ramón descubríu algo incríble: o seu pai non era só aquel que lle daba roupavella enriba dos xionllos ás seis da mañá cando voltaba do seu traballo, xionllos que compartía coa súa irmá. O outro irmán, non sabía por que, xa non estaba, só quedaba unha foto súa no salón. O descobremento marcou ao fillo, para sempre. Descobríu que o seu pai era un consumado contacontos, un engaiolador coas palabras, con entonacións e pausas: sorprendíaos cunha palabra e continuaba coma se tivese estudado toda a vida para iso. Así, de vagariño, fixéronselle máis levadeiras aquelas inmersións en auga xeada, espantosamente fría, acompañada de berros impropios dun asmático e saloucos propios do neno de tres anos que aterrado se agarraba á perna do seu pai. 
           A partires daquela época soubo que o seu lugar sería sempre terra firme pero con vistas ao mar. Ás veces, en marea baixa cruzaban ata o illote, A Ínsua, mentres o neno quedaba sentado, cuberto cunha toalla, cara de pavor e pensando no retorno por se subía o mar, que sempre subía. O seu pai adicábase a súa paixón favorita: pescar polbos, moitos polbos, tantos que a familia aborreceu aquel cheiro e sabor por moitos anos. A nai tiráballos aos cochos... 
         Voltaban sempre cando a marea estaba a subir e repetíanse as esceas de pánico do pequeno, suxeito á perna do pai, que coa outra mán suxeitaba un feixe de polbos. Nese camiño de ida e volta desde a praia, na mitade, situábase un rebaño de ovellas que se desprazaba ao unísono coma unha sombra da paisaxe, sen outra misión na vida que pacer, ollar para o chan e non parar de moverse. 
            Foi nesas cando Ramón escoitou ao seu pai algo que o deixou atónito: 

          - “Si, é certo, Ramón,  as ovellas falan, o que pasa é que tes que estar atento e saber responderlles” 

           Lle dixo diante da ollada perplexa do rapaz que demorou en pechar a boca. 

                -“Escoita atentamente: Beeeeeeeee…!” 

           Berrou o seu pai. Pasaron uns segundos ata que escoitou, no lonxe: 

               -"¡behehehehe…!" 

        Sen se inmutar o máis mínimo, o pai repetíu o balido, esta vez máis potente e ao cabo duns instantes, aí estaba a resposta, cal eco en parede de pedra. 
          Os ollos do neno eran máis grandes ca o espazo reservado para eles: Incríble… - 

             - "¡...Oe, papi...!" 
          Dixolle ao seu pai 

             -“¿podería eu falar con elas?” 
         Ao que o seu pai respondeulle que naturalmente, pero que debía estar atento porque igual non lle respostaban ao principio. 
         Coa voz tremante, case sen saliva para poder falar, Ramón soltou un tímido: 

            -“¡...beee...! “ 

         Pasaron segundos e non houbo resposta. 

           -“Máis forte Ramón, que che oian”
         Díxlle o pai, e daquela, esta vez si, a pleno pulmón, soltou un: 

            -“¡...Beeeeeeee...!”
        Audible a todas luces, a proba de calquera sordeira. Uns instantes despois apareceu a resposta: 

            -“¡Behehehe...!”
 
Ovellas en corversa.
        O malpocado neno case cae dos hombreiros do pai. Tal foi o sobresalto que parte dos malditos polbos cairon ao chan. Mesmo creu ver a un baifo que ollaba para el e que era probablemente o que lle respostara. 
         Cheo de orgullo chegou o neno a casa e foi o primeiro que lle dixo a nai, a súa irmá e a toda a veciñanza. Toda a súa vida acompañoulle esa lembranza. Pasaron os anos, outros viñeron que disfroitaron do contacontos. Dun home discreto que se chegaba a mimetizar. Un bó home.
         Ramonciño, aquel rapazolo feble, pero moi esperto, sempre o tivo na súa mente e repetía a quen llo quixera escoitar: 

            - “¡...O meu pai fala coas ovellas...!”. 

O Médano, Tenerife, 29 de setembro de 2014 
In Memorian 
*Moncho Rouco
Fillo do seu pai.


6 comentarios: