Ninguén falará de nós cando xa estemos mortos...
Moncho Rouco
En Galicia a esperanza media de vida descendeu por primeira vez en máis dun século. O risco increméntase tras a posta en marcha dunha Lei, na que ser paciente é secundario, primando baremos de rendibilidade, entre parámetros de privatización. A Lei de Saúde de Galicia, abandona na sala de espera aos pacientes. Ignora aspectos básicos asistenciais. Non prioriza a prevención da enfermidade, a rehabilitación e reinserción do paciente. Promove criterios de rendibilidade e, sobre todo, entrega en mans privadas á Sanidade Galega, co beneficio empresarial como factor estratéxico.
Manifestación contra a reforma sanitaria que impulsa la Xunta, o pasado 4 de febreiro de 2018 |
O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi e segue sendo o prototipo do modelo de xestión Público/Privada. Baixo financiamento público multiplicáronse os custos a máis de 1750 millóns de Euros, dos 450 previstos inicialmente. Reducíronse o número de camas, urxencias en recorte, menos espazo para quirófanos e Radioloxía saíndo pola porta da rúa. Un aspecto estaba claro e quedaba a salvo: a explotación do único aparcadoiro estaba perfectamente privatizada e familiarizada.
Vergoñosos recordos de miles de pingueiras acusando á administración de abandono e deixamento.
En Galicia a Sanidade está suxeita á Explotación bolsista, en forma de rendibilidade privada. A xestión pública da Sanidade Galega foi arrinconada.
UNILABS, xestiona agora o Laboratorio Central de Galicia. Indra xestiona os historiais clínicos. Netaccede encárgase da Plataforma Electrónica e o teléfono de cita Previa. As Telecomunicacións do SERGAS foron desviadas a Telefónica. Do mantemento de equipos sanitarios encárgase Ibérica de Mantemento SA... As contratacións do SERGAS desviáronse a Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, participada por Microsoft, Indra e Telefónica… e así ata o delirio privatizador dun Goberno, que non cre na Sanidade como Servizo Público e traslada ao sector privado a xestión sanitaria dos galegos, ao tanto por cento.
A Sanidade Pública Galega está a agonizar, camiña en metástase ética, estrangulada por unha Sanidade Privada en crecemento continuo, co aval do Partido Popular, da Xunta de Galicia, co Presidente Feijóo, como máximo responsable.
O sector privado incrementouse máis dun 16% no últimos catro anos.
Os responsables de URXENCIAS dos hospitais galegos han esixido frear os colapsos que se están producindo.
Miles de persoas secundaron, o pasado febreiro, a convocatoria da plataforma SOS pola Sanidade Pública. Emprazaron a Feijóo para que paralice a Lei de Saúde, manteña unha negociación co sector público e free a escalada de privatizacións.
Batas Brancas pon de manifesto a utilización da Xunta, con nomeamentos caprichosos, ao modo “dedo punible”, para poñer á fronte dos hospitais galegos, mesmo xerencias e xefaturas de servizo, a personaxes afíns e próximos ás políticas de recortes aplicadas pola Xunta.
Sexamos claros, toda sociedade vese sometida á capacidade de soportar a personaxes infames, propios de culebróns, ao estilo Fariña e os seus derivados. En calquera sociedade democrática, un responsable político, tras ser descuberto en compañía do “Dourado de quenda”, debería, tras limparse a crema das costas, presentar a súa dimisión e abandonar a vida pública. O da muller do César, en política, é de obrigado cumprimento.
Se os galegos deciden manter o seu apoio, son corresponsables, por encubrimento, deixamento e, con probabilidade, por admiración indisimulada cara a personaxes incompatibles coa ética política. Así somos, así parecemos… Somos actores da servidume ancestral dun paisanismo servil aos seus caciques.
¿Lembran o caso SOVALDI?¿ Lembran as mortes de pacientes, por inacción dos responsables da Consellería, seguindo instrucións do seu xefe, o Presidente Feijóo? Pasaron os anos, os mortos gozan de bo enterro e os responsables gozan da INACCIÓN INDIGNANTE da Xudicatura, que está enmerdando os cartapacios, para distraer responsabilidades, ao máximo nivel. Con estas vimbias, é máis probable que un servidor, quen lles escribe, sexa vítima da Lei Mordaza, a que os responsables daqueles “homicidios imprudentes” sexan xulgados e condenados, no seu caso. Aquel SOVALDI DENEGADO de hai anos, é o botón de mostra da “ indisolubilidad de poderes” que amparan comportamentos delituosos, con resultado de morte.
Algunhas mentes privilexiadas fálannos de Alberto Feijóo como o “Elefante Branco”, que acudirá a Madrid en axuda do seu Partido, partido en mil corruptos pedais. Este “Elefante gris, con tendencia ao negro” xa camiñou por unha cacharreira, en forma de Galicia, e esnaquizou a un país, o noso país, someténdoo á vontade dos poderes establecidos.
Di a lenda que todo é susceptible de empeorar, cando un pobo vive sometido entre caciques e paralizado polo factor “estate calado”. Un País, unha Nación que vive entre a angustia do medo aos seus dirixentes e a inacción ante os poderosos, está condenado ao ostracismo. Seremos merecedores dunha inscrición, en mármore branco, que nos fale de: “Ninguén falará de nós cando xa estemos mortos”
Publicado el 21 de marzo de 2018 en Nueva Tribuna
Publicado el 21 de marzo de 2018 en Nueva Tribuna
Moncho Rouco Arquitecto Técnico, articulista y escritor |
No hay comentarios:
Publicar un comentario