miércoles, 27 de julio de 2016


                                               Galicia non é país para mozos        
                                                                                                                                            Moncho Rouco*

           As vacas morren de fame nas cuadras, o leite derrámase polas corredoiras. As patacas podrecen ou alimentan aos porcos. Os barcos amarrados a embarcadoiro sen peixes legais aos que capturar. A mocidade galega en diáspora, como nos peores anos do franquismo. Galicia tórnase escura e baleira. Somos líderes na Champion´s League da débeda pública, nunca sendo tan pobres arruináronnos tanto. As cifras do paro galopan sen xinete, en estampida e destruíndo postos de traballo, volvendo liderar a miseria. Á vez que a poboación segue diminuíndo desde fai máis dun lustro. Galicia non é país para mozos.
 
¿Onde deixamos o leite?
          A rapina refúxiase en hospitais de novo Cunqueiro, mentres os pacientes en pánico ven minguadas a súa asistencia primordial. A hepatite en Galicia é CCC, por triplicado, só atendida se é aprobada por un organismo sen competencias para prescribir. Delinquese sen ruborizo, sempre nos quedará un presidente viaxeiro que reduza o asunto ao: ¿Non é para tanto, por tres ou catro casos...? Non terían maior importancia os casos se non ocorrese o pequeno detalle de que eses 3 ou 4 -sete- son falecidos con rostro, aínda que, agora frío. Unha indigna neglixencia ¿sub iúdice?, por máis que non os nomeen, ao máis puro estilo Rajoy.
          
Entre todos a matárona e ela soa moreu
          Se a Alberto "Manostijeras" Feijóo, se lle concede unha lexislatura mais acabaremos en "Galicia podada". Quizais Antón Reixa recompoña a letra e así solte ao caníbal. Nunca en tan pouco tempo hannos empobrecido tanto, estamos rodeados de estatísticas que mostran a miseria en peregrinaxe polas aldeas e amputando progresivamente o tecido industrial que languidece entre oxidados engrenaxes sen reposición posible. Tratan desesperadamente de manipular as cifras achegándoas ao braseiro da mentira, pero a realidade non entende de alquimistas, por máis empeños que realicen os conselleiros, os seus asesores e o Presidente viaxeiro, coa inestimable axuda dos voceiros institucionais, en medios que ao día seguinte só envolven a mentira derrotada.
 
Imaxen de lenda, recobrando vixencia.
          Ante a proximidade dos comicios, rumoréase que para outubro, sería de agradecer que o noso Presidente, candidato a Presidente, deixe de anunciar investimentos espectaculares que levaría ao noso país para ser veciño de Silicon Valley´s, máis vale que se reserve os anuncios para despois das eleccións, xa que adoita ser norma da casa que os Pemex de quenda perden a X durante a lexislatura. Teñan a bondade de non vender máis fume, se nin sequera son capaces de limpar o de ENCE, incumprindo compromisos pasados. O Señor Feijóo anunciou a súa disposición para sacrificarse por Galicia e presentarse, novamente, como candidato a presidir a Xunta. Pois, por unha banda xa ves e por outra, que queres que che diga... Con seguridade, sería máis interesante dispensar ao Presidente de tamaño sacrificio e deixar que acuda en auxilio do seu partido en Madrid. Aquí, en Galicia, xa quedamos poucos e con pouco. No estado español son máis de 40 millóns de habitantes e toca a menos á hora de repartir a pobreza.

Artigo Publicado no Ideal Galego o  24 de abril de 2016
Moncho Rouco

Arquitecto Técnico, construtor e columnista.








No hay comentarios:

Publicar un comentario